I Certame de Poesía e Relato Curto no Rosal

BASES

1.-Poderán participar no concurso cantas persoas o desexen, maiores de 14 anos.

2.-A temática xirará entorno as mulleres nas súas diferentes vertentes, valorándose a utilización dunha linguaxe non sexista e a utilización de temas que potencien o cambio e a evolución de valores máis alá dos estereotipos masculinos e femeninos tradicionais, así como actitudes contrarias á violencia de xénero.

3.-Os traballos deberán ser inéditos, non premiados en ningún outro certame. Presentaranse en galego, mecanografados ou manuscritos en tinta negra ou azul con letra lexible, sen enmendas nin borranchos.

4.-Poderase presentar indistintamente á convocatoria en formato de POESÍA ou RELATO CURTO:
- Para a convocatoria de POESÍA cada autor/a poderá presentar unha
obra poética formada por un máximo de 2 poemas, que non excedan
de 30 versos cada un.
- Para a convocatoria de RELATO CURTO admitirase un máximo de
1 relato onde a extensión oscilará entre 2 e 10 folios.

5.-Os traballos presentaranse con pseudónimo, acompañados dun sobre pechado no que figure escrito no exterior o pseudónimo e a convocatoria á que se presenta, e no interior, incluiranse os datos do autor/a (Nome, apelidos, DNI, enderezo e teléfono de contacto).

6.-Os traballos deberán ser presentados no Centro Social Polivalente (Rúa Cabaqueiros, nº4) no Servizo de Promoción á Muller ca instancia facilitada ao efecto, onde constarán exclusivamente o pseudónimo, o teléfono e a data de presentación.
O prazo de admisión pecharase o día 18 de novembro.

7.-O Xurado estará composto por:
Concelleira da área de Muller.
Concelleira de Cultura.
Técnica de Promoción da Muller.
Unha muller representativa da área cultural-literaria da zona.

8.-Concederase un premio por cada modalidade: un para POESÍA e outro para RELATO CURTO.

9.-O Xurado emitirá o seu fallo o día 25 de novembro de 2008, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

10.-Os traballos premiados coma os non premiados serán expostos ao público no Concello do Rosal polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

11.-O Concello do Rosal poderá difundi-los traballos premiados do xeito que considere oportuno e disporá tódolos dereitos sobre o mesmo.

12.-As obras presentadas e non premiadas poderán ser retiradas no prazo de 30 días a partir da data na que se faga público o fallo.

13.-O fallo do xurado será inapelable.

14.-A presentación a este certame implica a aceptación plena das presentes bases.

15.-Tamén para aquelas persoas que non participen no certame pero sí queren manifestar a súa repulsa no Día Internacional contra a Violencia de Xénero, poden enviar frases, palabras, debuxos,… o e-mail: violenciadexenero@gmail.com

David Gómez Martínez, decathleta olímpico

Realizamos esta entrevista a David na nova e flamante Biblioteca Municipal, na planta baixa da Casa do Concello. Alí charlamos detenidamente dos seus comezos no deporte, as súas impresións nestas últimas Olimpíadas e a súa nova vida en Madrid...


Bos días David, en primeiro lugar gracias (e non grazas, que sabemos que non te gusta) por atender a Noticiasorosal.
-Repasando un pouquiño o teu pasado e segundo declaración túas, no seu momento deixaches o deporte de equipo (balonmán) polo individual. ¿Por que o atletismo, por que o decathlon?
Xoguei no Atlético Novás e na Selección Galega, sendo tamén preseleccionado para a Española. Pero si, decidín que era mellor dedicarme ao atletismo, a pesar de ter varias ofertas para seguir no balonmán. Para min foi como un reto persoal, quen fora mellor ca min, tiña que demostralo con marcas. Se perdo, perdo eu só.

-¿Se te dicimos o nome de Félix Piñel…?
É o precursor de todo isto. O Rosal non sabe aínda ben todo o que lle debe a Félix. A mágoa é que na miña época no Manuel Suárez Marquier había moitos nenos con características parecidas as miñas, pero unha vez que saen do colexio acábase para eles o atletismo. No meu caso porque a min gustábame moito, empecei a destacar e os meus pais puidéronme levar a Vigo a adestrar.

-Temos entendido que fai uns días visitaches precisamente ese colexio.
Pois si, estivo moi ben, fun ata o Suárez Marquier para dar unha charla a tres grupos de rapaces, comentarlles un pouquiño a miña vida e as miñas experiencias deportivas. A verdade tanto os rapaces como eu mesmo gozamos moito desta xornada.

-Antonio Peñalver dis que foi un referente para ti e o Decathlon en xeral.
Sen dúbida. Eu tiña 11 anos e me dixen “quero ser como el”. Peñalver foi o pioneiro, un exemplo a seguir no seu momento, pois foi medalla de prata nas Olimpíadas de Barcelona ’92.

-¿Cales son as túas sensacións despois de Pequín? ¿Con ánimo de ir a polos teus terceiros Xogos?
A verdade é que moi ben, aínda mellor que en Atenas. ¿Os terceiros Xogos? Si, por suposto, intentareino. Dentro de catro anos as Olimpíadas serán en Londres e terei 31 anos.

-¿Entón mellor nas Olimpíadas de Pequín que en Atenas?
Sen dúbida. Primeiro, porque foron máis días. En Atenas foron 8 e en Pequín 19. Ademais en Atenas estábamos bastante separados, cousa que non pasou na capital chinesa, pois vivíamos toda a expedición española na Vila Olímpica, onde interactuabas coa xente, había máis unidade, máis e mellor turismo…

-Estiveches na Muralla…
Impresionante. Ao contrario que se poida pensar, non pasa por entre as montañas, senón por riba delas. Subir, subir, subir… moitísimos turistas “en procesión” e na súa maioría orientais. Aquí gravei coa Televisión de Galicia unha pequena e rápida reportaxe, aproveitando uns momentiños de paz, pois montamos no telesférico e ao saír comezou a chover dunha maneira que non había paraugas que servise.



-¿E falando de augas… que é o que ocorre con Galicia e o atletismo?
Eu o que vexo é que Galicia é o “País da choiva” e non hai un sitio cuberto para adestrar. Que destacamos moitísimo nos deportes náuticos porque temos auga pero ao non haber pistas cubertas non se pode destacar ao 100% no atletismo. Ese é o gran problema. Vas por exemplo a Braga (Portugal) e aí si hai instalacións adecuadas. En Galicia non temos os medios para poder adestrar e a xente acaba por emigrar. As boas instalacións van unidas aos bos resultados.

-E agora tiveches que face-las maletas á capital de España…
En Madrid o que teño é medios. O que busco simplemente é ese sitio cuberto para adestrar e aquí si o hai, con pista de atletismo ao lado, onde podes practicar pértega, altura… Polo menos non fará tanto frío como por exemplo Vigo, onde quentei moitas veces aínda que pareza mentira, con plumífero… É un cambio fundamental. Terei un servizo médico, servizo de terapeutas, ximnasios especializados, piscina para a rehabilitación… En fin, unhas condicións e unhas instalacións dignas.

-¿Que é o que buscas con este cambio? ¿Que é o que agardas?
Fundamentalmente busco mellorar marcas para estar arriba no ránking mundial. Quédame a espiña -a pesar de ir por dúas veces a uns Xogos Olímpicos- de non estar nunca nun Europeo ou nun Mundial absoluto. A ver este ano, que se celebra o Campionato do Mundo en Berlín, se consigo a mínima e me mirades por alí.

A OUTRA ENTREVISTA

-Unha comida
O sushi (鮨, 鮓, 寿司 o 壽司, prato de orixe xaponesa a base de arroz cocido aderezado con vinagre de arroz, azucre e sal).
-Unha bebida
A cervexa
-Un color
O azul escuro
-Un libro
A xente que me sigue sabe que me gustan moito os cómics, así que vou a dicir: Berserk.
-Unha película
Os sete samurais, do director Akira Kurosawa.
-Música
Escoito de todo menos o que soe a latino (bachata, reggaeton…)
-Que levarías a unha illa deserta
Unha cana e un coitelo… (risas)… algo que sexa útil.
-Un defecto
Quizais un pouco desordenado
-Unha virtude
Nunca me dou por vencido
-Unha paraxe de O Rosal
Niño do Corvo
-Que é o que botas máis de menos cando non estás no Rosal
A Ribeira encántame, coas súas illas, os paseos por elas…
-Un sono sen realizar
Ser campión olímpico
-Un sono cumprido
Ir a uns Xogos
-Unha frase ou refrán que apliques á vida
Non fagas aos demais o que non queres que te fagan a ti.

O Rosal, outubro de 2008