Xoán Carlos Treinta Martínez, profesor

Levábamos moito tempo queréndolle facer esta entrevista ao profesor rosaleiro Xoán Carlos Treinta Martínez. Achegámonos pois ata a súa Academia, na Cunchada. Un centro de ensino avalado polas boas críticas, o seu impresionante facer e sobre todo pola súa altísima porcentaxe de aprobados, que ronda hoxe en día o 80%. Como nas Matemáticas... as contas cadran...

-Boas tardes Carlos, en primeiro lugar grazas por atender a Noticias O Rosal. A verdade é que sempre tivemos curiosidade por coñecer un pouquiño máis de ti, de saber cal é o teu segredo... ¿cal é a clave do teu éxito no panorama académico e máis agora, nestes difíciles tempos?
Ben, pois na miña opinión o meu método non é outro que a experiencia de anos atrás e sobre todo a dedicación exclusiva a este oficio. Debo estar preparado, pois sempre teño alumnos de diferentes idades e niveis.
-¿Con cantos alumnos contas entón nestes momentos? ¿Que idades comprenden?
Normalmente, cunha media de trinta alumnos durante o ano. As idades son moi diversas, dende nenos de 8 anos ata xa adultos. Preparo alumnos maiores de 18 anos para acceder a ciclos superiores e tamén a maiores de 25 para o seu acceso á universidade.
-¿Cal foi o máximo de alumnos que tiveches ao teu cargo nun só ano?
Pois mira, foi de 72 rapaces, que ao ser tantos tiven que repartilos en tres clases e por suposto con horarios e días diferentes para manter certa orde e poder dedicarme ao 100% a cada un.
-¿Que asignaturas soes impartir?
A nivel de primaria e ESO dou tódalas asignaturas. A partir de bacharelato imparto matemáticas, física e química. Con respecto aos alumnos universitarios céntrome, soamente, nas matemá-
ticas.
-¿Que sintes cando un alumno teu aproba? Pois digamos que os seus pais recurren a ti como un apoio para axudar a ese rapaz fóra das horas lectivas do colexio-instituto...
Como te podes imaxinar é unha grande felicidade porque sabes que efectivamente axudaches a aprobar a alguén e por suposto, esa felicidade vai "in crescendo" canto máis complicada sexa esa asignatura, esa materia a superar...
-¿Pódesnos contar algunha anécdota curiosa ou algún desafío que tiveras ao longo destes anos como profesor?
Pois mira, teño bastantes, pero quédome con estas dúas: conseguín que aprobara un alumno preparando o temario nunha soa hora. E outra curiosidade é que varios dos meus alumnos foran capaces de aprobar 7 asignaturas pendentes en setembro. Pero bueno, por suposto son casos excepcionais.


A OUTRA ENTREVISTA
Agora Carlos gustaríanos que nos responderas brevemente a estas cuestións, máis persoais. Velaquí van unhas poucas preguntiñas sobre os teus gustos:

-Unha comida
Sen dúbida, a carne asada.
-Unha bebida
A cervexa sen alcohol.
-Unha película
Déjà Vu, do director Tony Scott.
-Unha cidade
Clarisimamente, Sevilla. O Sur encántame.
-Un desexo
Por pedir... traballar nun colexio con praza fixa.
-Que é o que máis te gusta do Rosal
Moitas cousas, pero quédome co seu fantástico clima e a súa incrible paisaxe.

Lagos, 25-VI-2008.

Julio Martínez Martínez, escultor

Cunha calor propia xa destas datas, pero en verdade, inusual nestes últimos tempos, saímos dando un paseíño ata Caselas, xuradía de Fornelos para reunirnos alí con Julio Martínez Martínez, xove escultor rosalés. Atopámolo no seu taller, traballando e primeiramente procedemos a sacar algunhas fotiños das súas obras. Axiña tivemos que poñernos a cuberto do castigador "Lourenzo" para poder facer esta entrevista, que realizamos á sombriña, nun -como non- banco de pedra alí próximo. Julio Martínez Martínez naceu no Calvario, parroquia de Santa Mariña do Rosal o 30 de decembro de 1978. Fino debuxante e delicado escultor autodidacta, como imos a comprobar, o noso entrevistado sinte e defende o Arte como poucos.

-Que tal Julio, grazas en primeiro lugar por conceder esta entrevista a Noticias O Rosal. Ben, gustaríanos saber cal foi o teu primeiro contacto coas artes plásticas.
Pois comecei sobre os 8 anos. Dende esta idade ata os 15 anos fun alumno da pintora guardesa Alicia Alonso.
-¿Escultura, debuxo ou pintura?
O debuxo practícoo día a día, é unha liña que non perdo para nada. Quizais a pintura gustaríame recuperala. Teño retratos a carbón e a lapis, pero vamos, considérome como artista, escultor.
-¿Algún mestre en especial, fíxaste en alguén á hora de face-las túas esculturas?
Pódome considerar autodidacta pero sempre ollando aos mestres que temos ao noso redor: o tomiñés Xosé Antúnez Pousa, o finado Xoán Piñeiro, Silverio Rivas, etc... vas bebendo de todos, naces da nada e vas buscando e absorvendo datos, mirando, preguntando...
-¿Por que materiais te decantas?
Actualmente traballo co mármol e o granito, e nun futuro próximo gustaríame involucrarme máis no bronce. Pero se me teño que decantar por un -e todo hai que dicilo- o mármol.
-¿Predilección ou cariño por algunha obra en especial que teñas feito?
En principio e polo momento é en plan aprendizaxe. Pero se me teño que quedar con unha: un relevo-retrato da miña nai en granito, e tamén un busto do meu pai, porque son obras ás que lle teño cariño, son persoais.
-Asistimos fai poquiño á inauguración da túa obra pictórica e escultórica na Guarda ¿poderíanos facer un repaso dos lugares onde tes exposto?
Pois si, como ben dis tiven a última exposición, en abril, no Centro Cultural da Guarda. Teño tamén exposto en Nigrán ou, sempre con motivo da Feira do Viño do Rosal, dúas mostras, tanto nos xardíns do concello como na Sala de Exposicións Municipal. Salientar que en maio de 2007 expuxen no Centro Cultural de Ourense, participando no seu Certame de Artes Plásticas.
-¿Realmente se pode vivir da escultura, é dicir, como un traballo único e exclusivo?
Difícil, pero sí. O problema é que hai moita mentira no "comercio do arte".
-¿A que te refires?
Vexo que todo vale. Todo tipo de proxecto creativo de xente sin uns coñecementos previos ou unhas bases clásicas, dan un salto dende a nada... e acéptase.
-¿Algunha obra que teñas en mente realizar ou que te gustaría plasmar en breve?
Xa te avanzo en exclusiva (e nós dámoste as grazas) que teño un proxecto dun desnudo masculino a tamaño natural, bueno, máis, sobre os 2-2'20 metros de altura, en granito. Representaría a un poeta, sin o lapis e o libro, completamente desnudo.
-¿Que tipo de escultura realizas? ¿Que encargos te soen ofrecer?
Pois aparte das obras que fago de forma libre, teño encargos de retratos, bustos, tallas de santos, cruces, cruceiros...
-Falando de cruceiros, é inevitable preguntarte polo que tes no teu taller...
Simplemente comecei por reflexar algo tradicional de Galicia, participar un pouco no panorama galego de hórreos, cruceiros ou almiñas. En sí, este cruceiro é moi complexo, pois tanto o dado, a columna, o capitel ou pedestal pertencen a unha orde arquitectónica chamada "composta". Ten máis de 6 metros de altura e presiden a cruz o Cristo e a Virxe do Sagrado Corazón.


A OUTRA ENTREVISTA
Ben, agora, Julio, ímoste facer a que chamamos "A outra entrevista", máis persoal, indagando un pouquiño na túa vida privada. Gustaríanos que nos responderas brevemente e de forma rápida, case sen pensar a estas preguntiñas. Velaquí vai a primeira.
-Unha comida
O cocido.
-Unha bebida
Tal vez, un bo albariño.
-Un libro
"Los Pilares de la Tierra", de Ken Follet, encantoume.
-Unha película
Apocalypse Now, de Francis Ford Coppola.
-Unha obra escultórica
"La Piedad" de Miguel Ángel.
-Un cadro ou unha pintura
Fascínanme os frescos da Capela Sixtina, de Miguel Ángel, tamén, pero un cadro concreto... calquera de Velázquez ou de Goya.
-Un sono sen realizar
Moitos proxectos escultóricos.
-Un sono cumprido
Namorarme.
-Unha frase ou refrán que apliques á vida
Ser positivo.

Caselas (Fornelos), 12-VI-2008

Pedras e paisaxes de O Rosal

Esta é a segunda edición do libro de Florindo Álvarez Martínez, home culto, coñecedor e amante da cultura galega, excepcionalmente dos valores históricos e artísticos do noso concello.
O libro, por suposto leva o mesmo título: Pedras e Paisaxes de O Rosal. Consta de 96 páxinas e recolle debuxos de significativos, singulares, simbólicos monumentos do concello. Nel atópanse igrexas, fontes, pontellas, cruceiros, capelas, casas vellas, escolas, almiñas, muíños, pazos, etc. Tamén o pintor de Marzán recolle algunhas paisaxes do concello.
Sen dúbida esta publicación é unha formidable selección de debuxos, onde se recolle boa parte do noso patrimonio histórico-arquitectónico, etnográfico, artístico e cultural do Rosal.
O libro leva o limiar do finado e ilustre escritor e poeta, cantor do Baixo Miño, Eliseo Alonso.
Edita o libro, nesta segunda edición, a meritísima “Fundación O Rosal”, que preside o enxeñeiro e empresario Rafael Vicente Fernández.
Imprimiu a obra: Donauta Publicidad S.A., da Guarda, en outubro de 2007.

Manuel Rodríguez Martínez "Trintiña"

Achegámonos para facer a nosa primeira entrevista ao barrio da Cachada, xuradía de Marzán. Alí nos agarda Manuel Rodríguez Martínez, máis coñecido no Rosal polo "Trintiña".
Decidimos realizar esta visita por ser "Trintiña" un veterano cabaqueiro (telleiro) e constarnos que tivo unha ampla vida dedicada a este antigo e desaparecido oficio.
Cando estamos a piques de comeza-la entrevista, a súa atenta muller, Elisa, sírvenos unhas copiñas de viño "para que non se nos seque a boca".
Lémbranos o entrevistado, a modo de introdución, que naceu un 10 de decembro de 1925 e que fixo as súas primeiras letras na parroquia, asistindo á escola primaria de D. Pepe Sánchez, en Caselas.


-Moi boas, Manuel, gustaríanos saber como empezou neste oficio, o de cabaqueiro... ¿cales foron os seus inicios? ¿tivo outras profesións?
Aos 13 anos marchei para a "telleira" das Cortiñas en Pereiro de Aguiar, en Ourense, co tío Sebastián Cerqueira. Fixemos o viaxe a pé, para alá e para acá. A miña vida laboral é moi simple: fun cabaqueiro 25 anos e a clavar puntas en Suiza e cargar camións de terra coa pá e a picar muito, 27 anos. Pois iso, empecei aos 13 anos e parei de traballar para os outros aos 65. Pero agora nos 82 aínda estou a traballar, pero para min.
-¿Era tan duro como din o traballo de telleiro?
O traballo de telleiro era un traballo simple como outro calquera, pero era un traballo "temporeiro" e había que facer moitas pezas á man. Para que te fagas unha idea, entre tres ou catro persoas, que formábamos a chamada "cuadrilla", tiñamos que ter feitas sobre 2500 tellas ao día.
-¿Que opina da implantación do obradoiro para os nenos, un día antes, previo á Festa do Cabaqueiro do 12 de outubro?
A min paréceme moi boa idea, porque dentro de pouco, e eu son dos máis novos e teño 82 anos "grandes" non vai a haber no Rosal nin un só demostrador. Ten que pasar este oficio de telleiro, de "cabaqueiro", á Historia.
-¿Que cree que é necesario entón para conseguilo?
Pois é necesario enseñar a un equipo de rapaces no Rosal, que foran capaces de demostrar (aínda que non fora como para gaña-la vida como telleiros). E que dixeran: "os nosos abuelos, os nosos antepasados, facían as tellas desta maneira". Pagarlle a eses rapaces, porque así aprendían e non se perdía este oficio.

A OUTRA ENTREVISTA
Ben, Manuel, como xa estará cansado de que sempre lle pregunten pola "Cabaqueira", ímoslle facer a que chamamos nós "A outra entrevista". Unhas preguntiñas rápidas, quizais máis persoais. Velaquí vai a primeira.
-¿Cal é a súa comida preferida?
Mira unha cousa que te vou a dicir: eu fun criado fai muitos anos... e a nós gústanos de maiores o que nos enseñan a comer de nenos. Eu son moi galego, gústanme moito as patacas con carne, con touciño, con pescado... as patacas! mellor que o arroz, os fideos...
-¿Unha bebida?
Bueno, a bebida... eu empecei a proba-lo viño cando tiña 30 anos eh... (Elisa, a súa muller, intervén e corrobora o que di Manuel cun: "sí, sí, é verdade"). Ata os 30 bebía auga, pero teño que descontalos agora... (risas)
-¿Un deporte que lle guste ou que practicara...?
Tódolos deportes solitarios: ciclismo, boxeo, natación... todo ao que non haxa a quen botarlle á culpa... foi a culpa do porteiro... foi a culpa de... non! gústanme os deportes solitarios.
-¿Un xogo tradicional?
O que mellor se me daba eran as bolas, as canicas... e o peor o trompo, o pión, dábaseme moi mal.
-¿Unha cidade?
Madrid gustábame moito... Eu traballei alí 6 anos, nas Ventas do Espíritu Santo, detrás da Praza de Touros.
-Unha película que lembre ou que lle gustara especialmente.
Lémbrome dunha, mireina en Madrid e titulábase: "Bajo el terror del águila", unha película de fantasía, que hoxe é unha pura realidade.
-Unha frase... un refrán que aplique á vida.
Dedicado a min: "O que torto nace, torto morre"
-Xa para rematar... ¿un vicio confesable?
Uy... eu tiña unha manía, que a perdín despois de casado: "a de ler, pero sempre quedaba dormido co libro enriba". Gústame moito ler.
A Cachada (Marzán), 5-VI-2008
Máis información sobre Manuel "Trintiña" en: http://noticiasorosal.blogspot.com/2008/06/nova-seccin-entrevistas.html

Boletín Informativo Municipal do Rosal

GALEGO

Nace esta publicación o 23 de decembro de 1987: "A Comisión de Goberno acorda por unanimidade e a fin de informar ao pobo en xeral do acontecido no Concello, facer un Boletín Informativo Municipal nun principio coa periodicidade de cada trimestre. Así mesmo que dito BIM sexa repartido a cada casa gratuitamente. O seu desenrolo e confección será supervisado por esta Comisión de Goberno".
Pois 21 anos despois, o boletín atópase no seu número 47 (agora sae anualmente). O BIM convertiuse nun referente no Baixo Miño e foi o pioneiro das publicacións municipais da Comarca. En palabras do seu director, Xoán Martínez Tamuxe, no seu primeiro número "O pobo ten o sacro deber e o dereito pleno a coñecer a súa propia identidade, as súas raíces histórico-antropolóxicas. Quen descoñeza o pasado non saberá camiñar con firmeza ao futuro".


CASTELLANO

Nace esta publicación el 23 de diciembre de 1987: "La Comisión de Gobierno acuerda por unanimidad y a fin de informar al pueblo en general de lo acontecido en el Municipio, hacer un Boletín Informativo Municipal en un principio con la periodicidad de cada trimestre. Asímismo que dicho BIM sea repartido a cada casa gratuitamente. Su desarrollo y confección será supervisado por esta Comisión de Gobierno".
Pues 21 años después, el boletín se encuentra en su número 47 (ahora sale anualmente). El BIM se convirtió en un referente en el Bajo Miño y fue el pionero de las publicaciones municipales de la Comarca. En palabras de su director, Xoán Martínez Tamuxe, en su primer número "El pueblo tiene el sacro deber y derecho pleno a conocer su propia identidad, sus raices histórico-antropológicas. Quienes desconocen el pasado, no sabrán caminar con firmeza hacia el futuro".