Cunha calor propia xa destas datas, pero en verdade, inusual nestes últimos tempos, saímos dando un paseíño ata Caselas, xuradía de Fornelos para reunirnos alí con Julio Martínez Martínez, xove escultor rosalés. Atopámolo no seu taller, traballando e primeiramente procedemos a sacar algunhas fotiños das súas obras. Axiña tivemos que poñernos a cuberto do castigador "Lourenzo" para poder facer esta entrevista, que realizamos á sombriña, nun -como non- banco de pedra alí próximo. Julio Martínez Martínez naceu no Calvario, parroquia de Santa Mariña do Rosal o 30 de decembro de 1978. Fino debuxante e delicado escultor autodidacta, como imos a comprobar, o noso entrevistado sinte e defende o Arte como poucos.
-Que tal Julio, grazas en primeiro lugar por conceder esta entrevista a Noticias O Rosal. Ben, gustaríanos saber cal foi o teu primeiro contacto coas artes plásticas.
Pois comecei sobre os 8 anos. Dende esta idade ata os 15 anos fun alumno da pintora guardesa Alicia Alonso.
-¿Escultura, debuxo ou pintura?
O debuxo practícoo día a día, é unha liña que non perdo para nada. Quizais a pintura gustaríame recuperala. Teño retratos a carbón e a lapis, pero vamos, considérome como artista, escultor.
-¿Algún mestre en especial, fíxaste en alguén á hora de face-las túas esculturas?
Pódome considerar autodidacta pero sempre ollando aos mestres que temos ao noso redor: o tomiñés Xosé Antúnez Pousa, o finado Xoán Piñeiro, Silverio Rivas, etc... vas bebendo de todos, naces da nada e vas buscando e absorvendo datos, mirando, preguntando...
-¿Por que materiais te decantas?
Actualmente traballo co mármol e o granito, e nun futuro próximo gustaríame involucrarme máis no bronce. Pero se me teño que decantar por un -e todo hai que dicilo- o mármol.
-¿Predilección ou cariño por algunha obra en especial que teñas feito?
En principio e polo momento é en plan aprendizaxe. Pero se me teño que quedar con unha: un relevo-retrato da miña nai en granito, e tamén un busto do meu pai, porque son obras ás que lle teño cariño, son persoais.
-Asistimos fai poquiño á inauguración da túa obra pictórica e escultórica na Guarda ¿poderíanos facer un repaso dos lugares onde tes exposto?
Pois si, como ben dis tiven a última exposición, en abril, no Centro Cultural da Guarda. Teño tamén exposto en Nigrán ou, sempre con motivo da Feira do Viño do Rosal, dúas mostras, tanto nos xardíns do concello como na Sala de Exposicións Municipal. Salientar que en maio de 2007 expuxen no Centro Cultural de Ourense, participando no seu Certame de Artes Plásticas.
-¿Realmente se pode vivir da escultura, é dicir, como un traballo único e exclusivo?
Difícil, pero sí. O problema é que hai moita mentira no "comercio do arte".
-¿A que te refires?
Vexo que todo vale. Todo tipo de proxecto creativo de xente sin uns coñecementos previos ou unhas bases clásicas, dan un salto dende a nada... e acéptase.
-¿Algunha obra que teñas en mente realizar ou que te gustaría plasmar en breve?
Xa te avanzo en exclusiva (e nós dámoste as grazas) que teño un proxecto dun desnudo masculino a tamaño natural, bueno, máis, sobre os 2-2'20 metros de altura, en granito. Representaría a un poeta, sin o lapis e o libro, completamente desnudo.
-¿Que tipo de escultura realizas? ¿Que encargos te soen ofrecer?
-¿Que tipo de escultura realizas? ¿Que encargos te soen ofrecer?
Pois aparte das obras que fago de forma libre, teño encargos de retratos, bustos, tallas de santos, cruces, cruceiros...
-Falando de cruceiros, é inevitable preguntarte polo que tes no teu taller...
Simplemente comecei por reflexar algo tradicional de Galicia, participar un pouco no panorama galego de hórreos, cruceiros ou almiñas. En sí, este cruceiro é moi complexo, pois tanto o dado, a columna, o capitel ou pedestal pertencen a unha orde arquitectónica chamada "composta". Ten máis de 6 metros de altura e presiden a cruz o Cristo e a Virxe do Sagrado Corazón.
A OUTRA ENTREVISTA
Ben, agora, Julio, ímoste facer a que chamamos "A outra entrevista", máis persoal, indagando un pouquiño na túa vida privada. Gustaríanos que nos responderas brevemente e de forma rápida, case sen pensar a estas preguntiñas. Velaquí vai a primeira.
-Unha comida
O cocido.
-Unha bebida
Tal vez, un bo albariño.
-Un libro
"Los Pilares de la Tierra", de Ken Follet, encantoume.
-Unha película
Apocalypse Now, de Francis Ford Coppola.
-Unha obra escultórica
"La Piedad" de Miguel Ángel.
-Un cadro ou unha pintura
Fascínanme os frescos da Capela Sixtina, de Miguel Ángel, tamén, pero un cadro concreto... calquera de Velázquez ou de Goya.
-Un sono sen realizar
Moitos proxectos escultóricos.
-Un sono cumprido
Namorarme.
-Unha frase ou refrán que apliques á vida
Ser positivo.
Caselas (Fornelos), 12-VI-2008
Máis información sobre Julio Martínez en: http://noticiasorosal.blogspot.com/2008/06/entrevista-julio-martnez-martnez.html