Xoán Carlos Treinta Martínez, profesor

Levábamos moito tempo queréndolle facer esta entrevista ao profesor rosaleiro Xoán Carlos Treinta Martínez. Achegámonos pois ata a súa Academia, na Cunchada. Un centro de ensino avalado polas boas críticas, o seu impresionante facer e sobre todo pola súa altísima porcentaxe de aprobados, que ronda hoxe en día o 80%. Como nas Matemáticas... as contas cadran...

-Boas tardes Carlos, en primeiro lugar grazas por atender a Noticias O Rosal. A verdade é que sempre tivemos curiosidade por coñecer un pouquiño máis de ti, de saber cal é o teu segredo... ¿cal é a clave do teu éxito no panorama académico e máis agora, nestes difíciles tempos?
Ben, pois na miña opinión o meu método non é outro que a experiencia de anos atrás e sobre todo a dedicación exclusiva a este oficio. Debo estar preparado, pois sempre teño alumnos de diferentes idades e niveis.
-¿Con cantos alumnos contas entón nestes momentos? ¿Que idades comprenden?
Normalmente, cunha media de trinta alumnos durante o ano. As idades son moi diversas, dende nenos de 8 anos ata xa adultos. Preparo alumnos maiores de 18 anos para acceder a ciclos superiores e tamén a maiores de 25 para o seu acceso á universidade.
-¿Cal foi o máximo de alumnos que tiveches ao teu cargo nun só ano?
Pois mira, foi de 72 rapaces, que ao ser tantos tiven que repartilos en tres clases e por suposto con horarios e días diferentes para manter certa orde e poder dedicarme ao 100% a cada un.
-¿Que asignaturas soes impartir?
A nivel de primaria e ESO dou tódalas asignaturas. A partir de bacharelato imparto matemáticas, física e química. Con respecto aos alumnos universitarios céntrome, soamente, nas matemá-
ticas.
-¿Que sintes cando un alumno teu aproba? Pois digamos que os seus pais recurren a ti como un apoio para axudar a ese rapaz fóra das horas lectivas do colexio-instituto...
Como te podes imaxinar é unha grande felicidade porque sabes que efectivamente axudaches a aprobar a alguén e por suposto, esa felicidade vai "in crescendo" canto máis complicada sexa esa asignatura, esa materia a superar...
-¿Pódesnos contar algunha anécdota curiosa ou algún desafío que tiveras ao longo destes anos como profesor?
Pois mira, teño bastantes, pero quédome con estas dúas: conseguín que aprobara un alumno preparando o temario nunha soa hora. E outra curiosidade é que varios dos meus alumnos foran capaces de aprobar 7 asignaturas pendentes en setembro. Pero bueno, por suposto son casos excepcionais.


A OUTRA ENTREVISTA
Agora Carlos gustaríanos que nos responderas brevemente a estas cuestións, máis persoais. Velaquí van unhas poucas preguntiñas sobre os teus gustos:

-Unha comida
Sen dúbida, a carne asada.
-Unha bebida
A cervexa sen alcohol.
-Unha película
Déjà Vu, do director Tony Scott.
-Unha cidade
Clarisimamente, Sevilla. O Sur encántame.
-Un desexo
Por pedir... traballar nun colexio con praza fixa.
-Que é o que máis te gusta do Rosal
Moitas cousas, pero quédome co seu fantástico clima e a súa incrible paisaxe.

Lagos, 25-VI-2008.