Manuel Rodríguez Martínez "Trintiña"

Achegámonos para facer a nosa primeira entrevista ao barrio da Cachada, xuradía de Marzán. Alí nos agarda Manuel Rodríguez Martínez, máis coñecido no Rosal polo "Trintiña".
Decidimos realizar esta visita por ser "Trintiña" un veterano cabaqueiro (telleiro) e constarnos que tivo unha ampla vida dedicada a este antigo e desaparecido oficio.
Cando estamos a piques de comeza-la entrevista, a súa atenta muller, Elisa, sírvenos unhas copiñas de viño "para que non se nos seque a boca".
Lémbranos o entrevistado, a modo de introdución, que naceu un 10 de decembro de 1925 e que fixo as súas primeiras letras na parroquia, asistindo á escola primaria de D. Pepe Sánchez, en Caselas.


-Moi boas, Manuel, gustaríanos saber como empezou neste oficio, o de cabaqueiro... ¿cales foron os seus inicios? ¿tivo outras profesións?
Aos 13 anos marchei para a "telleira" das Cortiñas en Pereiro de Aguiar, en Ourense, co tío Sebastián Cerqueira. Fixemos o viaxe a pé, para alá e para acá. A miña vida laboral é moi simple: fun cabaqueiro 25 anos e a clavar puntas en Suiza e cargar camións de terra coa pá e a picar muito, 27 anos. Pois iso, empecei aos 13 anos e parei de traballar para os outros aos 65. Pero agora nos 82 aínda estou a traballar, pero para min.
-¿Era tan duro como din o traballo de telleiro?
O traballo de telleiro era un traballo simple como outro calquera, pero era un traballo "temporeiro" e había que facer moitas pezas á man. Para que te fagas unha idea, entre tres ou catro persoas, que formábamos a chamada "cuadrilla", tiñamos que ter feitas sobre 2500 tellas ao día.
-¿Que opina da implantación do obradoiro para os nenos, un día antes, previo á Festa do Cabaqueiro do 12 de outubro?
A min paréceme moi boa idea, porque dentro de pouco, e eu son dos máis novos e teño 82 anos "grandes" non vai a haber no Rosal nin un só demostrador. Ten que pasar este oficio de telleiro, de "cabaqueiro", á Historia.
-¿Que cree que é necesario entón para conseguilo?
Pois é necesario enseñar a un equipo de rapaces no Rosal, que foran capaces de demostrar (aínda que non fora como para gaña-la vida como telleiros). E que dixeran: "os nosos abuelos, os nosos antepasados, facían as tellas desta maneira". Pagarlle a eses rapaces, porque así aprendían e non se perdía este oficio.

A OUTRA ENTREVISTA
Ben, Manuel, como xa estará cansado de que sempre lle pregunten pola "Cabaqueira", ímoslle facer a que chamamos nós "A outra entrevista". Unhas preguntiñas rápidas, quizais máis persoais. Velaquí vai a primeira.
-¿Cal é a súa comida preferida?
Mira unha cousa que te vou a dicir: eu fun criado fai muitos anos... e a nós gústanos de maiores o que nos enseñan a comer de nenos. Eu son moi galego, gústanme moito as patacas con carne, con touciño, con pescado... as patacas! mellor que o arroz, os fideos...
-¿Unha bebida?
Bueno, a bebida... eu empecei a proba-lo viño cando tiña 30 anos eh... (Elisa, a súa muller, intervén e corrobora o que di Manuel cun: "sí, sí, é verdade"). Ata os 30 bebía auga, pero teño que descontalos agora... (risas)
-¿Un deporte que lle guste ou que practicara...?
Tódolos deportes solitarios: ciclismo, boxeo, natación... todo ao que non haxa a quen botarlle á culpa... foi a culpa do porteiro... foi a culpa de... non! gústanme os deportes solitarios.
-¿Un xogo tradicional?
O que mellor se me daba eran as bolas, as canicas... e o peor o trompo, o pión, dábaseme moi mal.
-¿Unha cidade?
Madrid gustábame moito... Eu traballei alí 6 anos, nas Ventas do Espíritu Santo, detrás da Praza de Touros.
-Unha película que lembre ou que lle gustara especialmente.
Lémbrome dunha, mireina en Madrid e titulábase: "Bajo el terror del águila", unha película de fantasía, que hoxe é unha pura realidade.
-Unha frase... un refrán que aplique á vida.
Dedicado a min: "O que torto nace, torto morre"
-Xa para rematar... ¿un vicio confesable?
Uy... eu tiña unha manía, que a perdín despois de casado: "a de ler, pero sempre quedaba dormido co libro enriba". Gústame moito ler.
A Cachada (Marzán), 5-VI-2008
Máis información sobre Manuel "Trintiña" en: http://noticiasorosal.blogspot.com/2008/06/nova-seccin-entrevistas.html