Entrevista a D. Julio Ramos Rodríguez, abade de Santa Mariña

Grazas en primeiro lugar D. Julio, por conceder esta entrevista a Noticias O Rosal. Hai moitas cuestións que queremos plantexarlle, así que xa que temos a oportunidade imos comezar dende o principio.
-¿Que tal, cal é o seu balance deste tempo na parroquia de Santa Mariña?
Pois moi ben. Gústame moito a tranquilidade e a vida do Rosal. A relación coa xente é diferente, é máis próxima. Na cidade xa é máis distante. A verdade é que aquí non teño queixa, estou moi a gusto.

-¿Que tal se encontra da súa operación? ¿Qué tal eses meses convalecente? ¿Xa recuperado?
Agora si. Foi unha mágoa porque levaba un ano de crego no Rosal e colleume por sorpresa. Estiven convalecente uns sete meses… A primeira vez foi por neumonía, despois ingresei de novo no hospital para operarme do corazón. Dábame a impresión de que todo ía moi lento, mirabas que pasaban os días. É como empezar de novo outra vez. Ao principio aínda viñen a xunto D. Isaac para facerlle unha relación das misas pero á seguinte vez xa mandei a miña irmá. Chegou un momento que tiven que desconectar porque dinme conta que realmente a cousa ía para largo.

-Dende que vostede chegou á parroquia a verdade é que as obras non paran de producirse. ¿Que melloras se teñen acometido?
Sinceramente facían un pouquiño de falta. En canto a obras principais na Abadía cambiouse o tellado, a instalación eléctrica e a conexión á rede de sumidoiros.
Na igrexa houbo obras de mantemento, así como a reparación por varias veces do tellado. Está feito o anteproxecto das obras de restauración do edificio (teito, instalacións, drenaxe, saneamento exterior) e por dentro, sobre todo, recubrir as paredes.

-¿A canto ascenderá o custe destas obras?
Este anteproxecto achégase ao millón de euros. É máis lento do que eu pensaba. Comezou polo estudo, que leva moito tempo. Estiveron un equipo de topógrafos e deliñantes, ademais de arquitectos que realizaron un estudo histórico con toda a evolución do edificio, ou mesmo das distintas reformas que se considera que tivo.

-Di vostede que é un proceso moi lento. ¿Cando comezou entón este estudo?
En febreiro de 2007 tiven a primeira entrevista cos arquitectos. Como dixen houbo que facer un estudo histórico-arquitectónico xa que está na comisión mixta (Dirección Xeral de Patrimonio e Bispados de Galicia) e afecta a un edificio eclesiástico. Cando lle dean o visto bo faise o proxecto (presentación no Concello e este pásao a Patrimonio).

-¿Pódenos dicir canto se leva invertido? Porque un millón de euros… son moitos cartos.
Lévase gastado xa 27.000 euros que financiou integramente o Bispado de Tui-Vigo. Estamos en xestións para buscar algunha subvención porque como podedes imaxinar semellante cantidade non é doada de conseguir.

-Temos entendido que se vai a inaugurar a capela de San Sebastián e Santa Ana neste mes ¿é certo?
Si. Será o día 26 de xullo. Ás 10’30 horas da mañá terá lugar a misa e invitaranse ás institucións que costearon e colaboraron na execución das obras: Dirección Xeral de Patrimonio - Consellería de Cultura, a Deputación Provincial de Pontevedra, a Comunidade de Montes de Santa Mariña, o Concello do Rosal e o Bispado de Tui-Vigo. A todas elas ao igual que aos fregueses hai que agradecerlles, como digo, a súa colaboración.


-¿Como xurdiu a idea de publicar un tríptico-folleto da igrexa parroquial de Santa Mariña e do seu retablo maior barroco?
Pois aínda que é evidente que se levaba moitos anos asistindo á misa na igrexa descoñecíanse moitas cousas. Simplemente mirei a necesidade de que a xente de aquí do Rosal e a de fóra que nos visita tiveran unha información real do valor histórico e artístico que ten esta igrexa. Fíxose unha tirada duns 2000 exemplares, foi editado pola parroquia e contouse para tal fin co traballo de investigación do historiador local Xoán Martínez Tamuxe. Despois da boa acollida do folleto estamos pensando en facer unha segunda edición e aínda volver a contar con Tamuxe para realizar outro estudo histórico-artístico da capela de San Sebastián no que colaboraría o Concello do Rosal.

-Segundo nos comentou recentemente este 2009 será o Aniversario das Hermanas Carmelitas da Bouzada. Cóntenos agora a grandes rasgos cales serán os actos.
Efectivamente. Cúmprense 75 anos da fundación das Hermanas Carmelitas (15 de agosto de 1934) na Bouzada (Caselas). Intentaremos facer un pequeno acto en conmemoración desta data, así como unha breve reseña da historia do edificio e do convento. Temos en mente tamén realizar unha exposición fotográfica así como de obxectos e lembranzas do convento e as súas moradoras. Xa falaremos dos detalles máis adiante pero o 15 de agosto deste 2009 no propio convento farase algunha misa, así como certo acto na parroquia de Santa Mariña.


A OUTRA ENTREVISTA
Agora, D. Julio, ímoslle facer unhas pequenas preguntas máis persoais, conteste rapidamente e tamén da forma máis breve posible.
-Unha comida
O cocido.
-Unha bebida
Un viño do Rosal
-Unha cor
O branco
-Un libro
La ciudad de la alegría, de Dominique Lapierre
-Falando de cidades. A máis espectacular na que estivera
Petra, en Xordania. Teño que dicir que é algo impresionante.
-Un hobby
Todo o relacionado coa xardinería, o cultivo e coidado das prantas.
-Unha paraxe do Rosal
Os muíños do Folón e do Picón e tamén a zona do Araúxo.


Noticias O Rosal, xullo de 2009